Congresos, conferencias e exposicións
Introdución
Coa intención de facer de nexo entre a poboación, a cultura popular e a comunidade académica, o Centro de Cultura Popular participa dun xeito activo na organización de congresos, conferencias e exposicións relacionados coa cultura da nosa terra. O Congreso do Patrimonio é o evento máis destacado, dende o cal se fai unha análise detallada da cultura tradicional galega legada polos nosos ascendentes. Pero o Centro tamén colabora coa difusión da nosa tradición organizando exposicións sobre a vestimenta e oficios tradicionais, así como ofrecendo conferencias sobre os máis diversos temas relacionados coa cultura popular, e participando tamén en proxectos de outras organizacións. Coa colaboración de antropólogos, historiadores, profesores, investigadores e estudosos, e a través de todas estas actividades, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo pretende facer a todos máis próximo o familiar noso rico patrimonio tanto material como inmaterial.
Contacto
Telf./Fax 0034-
988317880
ccpxaquinlorenzo@depourense.es
CENTRO DE CULTURA POPULAR “XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ”
Apdo. 484
32080-Ourense - España
Congreso de patrimonio
No ano 2003 o CCP Xaquín Lorenzo, en colaboración coa Faculdade de CC. da Educación da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), organizou o I Congresos de Patrimonio Etnográfico Galego, tendo como tema central a figura do etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas. Nel participaron etnógrafos, antropólogos, historiadores, arquitectos, profesores, conservadores de museos, avogados, médicos e empresarios, que deron luz sobre a figura de Lorenzo Fernández, a situación do noso patrimonio cultural e o seu futuro. O éxito deste primeiro congreso deu pé a que máis adiante se repetira tratando outros temas como o patrimonio cara o S. XXI, o Entroido ou Camiño de Santiago.
Actas dos catro Congresos sobre o Patrimonio Galego realizados até o momento:
- I Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. In memoriam Xaquín Lorenzo Fernández.
- II Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. O patrimonio no Século XXI.
- III Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. O ciclo do Entroido. Galería de fotos.
- IV Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. Os camiños de Santiago.
- V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego. O afiador e outras técnicas artesanis de comunidades rurais.
Exposicións
Dende a creación do CCP Xaquín Lorenzo, unha das súas preocupacións foi a de dar a coñecer o patrimonio etnográfico galego, e un dos medios empregados para este fin é o de organizar exposicións con paneis informativos, material etnográfico, material didáctico, audiovisuais, etc., que se ceden en préstamo gratruíto a todas aquelas institucións que as soliciciten: colexios, asociacions, bibliotecas, museos, concellos, casas de cultura, etc. Estas son as exposicións disponíbeis: Os Museos Etnográficos de Ourense; O xogo do peón; O traxe tradicional galego; Os traxes do Entroido de Ourense; 40 anos do Museo do Pobo Galego; A olería tradiconal galega: Niñodaguia, Buño, Bonxe e Gundivós; e O carro galego.

